A segunda edición de ‘Coas mans na masa’ centrarase na elaboración artesanal de conservas e ungüentos naturais
Este itinerario formativo, posto en marcha pola Escola Eu Rural, incluirá a celebración de seis cursos en seis concellos do GDR 14 entre abril e maio
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural segue apostando pola formación e posta en valor do territorio. Tras o éxito acadado en 2018, a Escola Eu Rural pon en marcha a segunda edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo centrado na transformación de produtos do sector agrario que busca engadir valor no mercado a través da transformación de materia prima abundante na contorna en produtos de gran calidade e da súa conservación para a posterior comercialización.
Nesta ocasión o programa ‘Coas mans na masa’ acolle dúas accións formativas diferencias. Por un lado, volverán a impartirse os cursos dedicados á elaboración de conservas artesanais e naturais con alimentos de tempada que abunden na contorna. Nesta nova edición o itinerario formativo chegará por primeira vez aos concellos de O Porriño (os días 8, 9 e 10 de abril) e de Tui (6, 7 e 8 de maio) e repetirá escenario en A Guarda (13, 14 e 15 de maio) en resposta á gran demanda de inscricións existentes na primeira edición.
Por outra banda, por primeira vez celebrarase un curso de ‘Elaboración natural de ungüentos naturais’, que ten como obxectivo aprender a realizar cremas, pinturas, aceites... con recursos naturais que se atopan na contorna. Os cursos levaranse a cabo nos concellos de Pazos de Borbén (3 e 4 de abril), Oia (24 e 25 de abril) e Gondomar (29 e 30 de abril).
Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web www.eurural.org, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.
Formación para fomentar o emprendemento no rural
Este itinerario formativo foi presentado este xoves 21 de febreiro no salón de plenos do Concello de O Porriño pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen asegurou que con cursos deste tipo “buscamos engadir valor a ese produto de calidade transformado”. “Esperamos continuar con accións deste tipo porque somos conscientes da importancia que a xente lle da á formación como modo de valorización da contorna”, salientou.
González estivo acompañada neste acto pola alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, que salientou a “necesidade de desenvolver iniciativas coma esta para evitar a despoboación de localidades como as que conforman o GDR 14. Son este tipo de accións as que debemos de apoiar”. Xunto a elas, na presentación, estiveron tamén o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias; e o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín.
Novas edicións
‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.
Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación e ata o de agora xa se formaron a máis de 200 persoas.
Por este motivo, itinerarios formativos como os que se desenvolverán en abril e maio complementaranse con novas edicións no ano 2020 noutros concellos do GDR 14, como cursos de conservas en Mos e Gondomar ou de elaboración de ungüentos en Baiona, A Guarda, O Rosal e Tui.