A unidade móbil de doazón de sangue visita Oia este luns

Cómpre pedir cita previa no teléfono 900 100 828

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) visitará o municipio de Oia o próximo luns 4 de maio. O autobús deste servizo permanecerá diante da Casa do Concello entre as 16.00 e 21.00 horas.

Para maior seguridade, as persoas que queiran facer unha doazón de sangue deberán pedir cita previa no número de teléfono 900 100 828.

Poderán doar sangue as persoas maiores de 18 anos que pesen máis de 50 kg. En canto á documentación necesaria, cómpre acudir á cita coa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar.

A doazón de sangue é un proceso sinxelo que dura tan só 10 minutos e, con el, contribúese a salvar vidas. Cada día, en Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns para atender urxencias, intervencións cirúrxicas e outras asistencias sanitarias.

Recomendacións

  • Non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.
  • Presentarse á cita habendo almorzado e, despois do xantar, unha vez teñan pasado 2 horas desde que se fixo a comida.
  • Na zona habilitada para a espera débese gardar a distancia de seguridade dun metro respecto doutras persoas.
  • No caso de estar a tomar algunha medicación, debe notificárselle ao persoal sanitario da unidade móbil.
  • Facer frecuentes lavados de mans e evitar tocar a boca e o nariz coas mans. En caso de tose ou espirro, pode empregarse un pano descartable ou a cara interna do cóbado.

Doazón segura

A Axencia de Doazóns garante a seguridade sanitaria de todas as doazóns, pois os locais compren todos requisitos das normativas sanitarias e o persoal ten reforzando as medidas de hixiene e seguridade.

O equipo sanitario segue protocolos de seguridade exhaustivos na súa actividade, facendo emprego de luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada uso, empregando material estéril e dun solo uso e facendo limpezas profundas e dobre desinfección na zona de puncións.

Ademais, á entrada e saída da unidade móbil colócase un envase con solución desinfectante para o uso das persoas doantes que acoden ao servizo.

Por outra banda, tamén se garante a seguridade dos compoñentes do sangue, facendo unha estrita revisión do estado de saúde de cada persoa que acode a unidade de doazón.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This