A Xunta adecúa e mellora a pista de despegue de parapente do Miradoiro das Penizas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa Cristina Correa, supervisou esta mañá unha actuación financiada pola Axencia Turismo de Galicia e que incorpora un novo atractivo turístico “nun punto único do sur da provincia para este deporte” | A actuación consistiu no acondicionamento da zona de saída con céspede sintético, a instalación de sinalización con paneis e cortaventos e a dotación de elementos de mellora da estancia dos usuarios, como mesas, bancos e un totem-selfie, entre outros | “Trátase dunha actuación necesaria para modernizar un servizo especial e diferente e moi empregado por afeccionados e empresas de turismo activo e que ademais sitúase na contorna da vindeira ruta de BTT enmarcada no Plan de Turismo Sostible en Destino que foi aprobado pola Xunta para a zona de Oia”, sinalou o representante autonómico

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar as obras de adecuación e mellora da pista de despegue de parapente emprazada no Miradoiro das Penizas, no Concello de Oia, grazas a un investimento de máis de 37.000 euros que se formalizou a través dun convenio entre ambas administracións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa Cristina Correa, supervisou hoxe ao mediodía está actuación, que incorpora e revaloriza un novo atractivo turístico “nun punto único para a práctica deste deporte de risco, pola orografía tan característica de Oia, no territorio do sur da provincia de Pontevedra” e que reafirma o potencial turístico dun municipio, “que ofrece unha gran beleza de vistas e paisaxes, que conxuga mar e montaña e que cada ano acolle a decenas de milleiros de visitantes”.

A actuación consistiu no acondicionamento da pista de despegue para a práctica de parapente, que é moi empregada por afeccionados a este deporte e empresas de turismo activo e que presentaba certo grao de deterioro polo uso e os efectos da meteoroloxía.

Así, procedeuse ao acondicionamento da citada pista coa reposición e anclaxe de novas capas de céspede sintético, a instalación de sinalización e de materiais de uso para parapentistas, como paneis e cortaventos, e a dotación de elementos de mellora da estancia dos visitantes e de preparación e apoio aos usuarios, como mesas, bancos ou un tótem-selfie, entre outros.

“Trátase dunha actuación moi necesaria para modernizar un servizo especial e diferente e que adoita ser moi empregado nun municipio por todos os amantes do turismo deportivo e de natureza, pero é que ademais ten unha localización moi importante, posto que se sitúa na contorna dun miradoiro cunhas vistas espectaculares e da vindeira ruta de BTT impulsada polo Concello e que se enmarca no Plan de Turismo Sostible en Destino aprobado pola Xunta de Galicia para a zona de Oia”, detallou o representante autonómico.

“O turismo é, sen dúbida, un dos grandes motores económicos de Oia, un municipio que conta cun Mosteiro coñecido en toda España, que acolle o Camiño de Santiago, que mestura unha gran oferta de mar e natureza, que recibe a centos de usuarios nas súas sendas de montaña e carrís-bici e que organiza tres curros de bestas con sona en toda Galicia. Toda esta oferta está moi ben traballada, coidada e impulsada polo Concello, polo que, neste caso, era máis que precisa a colaboración de Turismo de Galicia para seguir afondando nos seus éxitos neste ámbito”, concluíu Luis López.

Pin It on Pinterest

Share This