A Xunta adxudica por 318.000 euros as obras para reducir o risco de inundación no río Viladesuso
Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses e buscan incrementar a sección hidráulica na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito do río fronte á erosión | Estas actuacións enmárcanse na colaboración da Xunta e o Concello, pola que a administración autonómica executará e financiará integramente as obras e a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 318.090 euros a execución das obras para reducir o risco de inundación no río Viladesuso, no concello de Oia.
Os traballos, adxudicados á empresa Proyecon Galicia, S.A., permitirán desenvolver as intervencións precisas para minimizar o risco de asolagamento neste río, ao paso polo municipio pontevedrés, na zona da ponte da Serra Seca. Nesta zona, a contorna do río está cualificada como área de risco potencial significativo de inundacións, no Plan de inundacións da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a conca de competencia autonómica.
Esta actuación, que conta cun prazo de execución de 6 meses, forma parte do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para minimizar os efectos producidos polas enchentes no río Viladesuso e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.
Máis en concreto, as actuacións que se veñen de adxudicar para minimizar riscos céntranse na mellora do comportamento hidráulico deste río ao paso por Oia e completa as xa realizadas en anos anteriores. As novas actuacións que se van acometer incrementarán a sección do río na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito fronte á erosión, especialmente nos tramos curvos.
Segundo recolle o contrato adxudicado, unha primeira intervención estará encamiñada a protexer a canle do río na marxe esquerda, coa construción dun noiro de protección de dique con dous mantos, un principal de escolleira baixo o que se coloca un secundario que actúa a modo de filtro drenante.
A segunda actuación busca aumentar a sección hidráulica da ponte coa construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, executarase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o fluxo da auga.
Tamén se prevé realizar un retranqueo do leito na marxe esquerda, construíndo un novo muro, para dar continuidade hidráulica á actuación executada na ponte; e derrubárase o muro actual pola outra marxe, pola dereita, coa construción dun novo muro retranqueado para minimizar o risco de inundación nesa zona.
Na intervención tamén se reforzará a marxe dereita do río coa construción dun noiro, de modo similar ao da marxe esquerda. Finalmente, será preciso realizar unha transición do reforzo do noiro proxectado na marxe dereita coa ponte, coa construción dun muro.
Na obra aproveitarase e reutilizarase todo o material depositado no leito do río: as rocas de maior tamaño, para a construción do manto principal de dique; e o resto, como manto secundario.
A actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio, a Xunta será a encargada de executar e financiar integramente as obras. As contas autonómicas de 2024 recollen o investimento necesario para a súa execución.
Pola súa banda, a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos necesarios para acometer os traballos, para o que foi preciso realizar expropiacións.