A Xunta de Galicia licita as obras para reducir o risco de inundación no río Seco de Viladesuso
Vázquez Mourelle sinala o obxectivo de incrementar a sección hidráulica na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito do río fronte á erosión, completando as que se realizaron anteriormente cun investimento autonómico de 152.000 € | Destaca a colaboración da Xunta e o Concello para minimizar os efectos das enchentes e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos | A Xunta executará e financiará integramente as obras, e a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos necesarios para acometelas | As empresas interesadas nos obras teñen ata o 17 de marzo para presentar ofertas
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación por máis de 342.000 euros das obras para reducir o risco de inundación no río Seco de Viladesuso, que se iniciarán este mesmo ano.
Así o adiantou Vázquez Mourelle na presentación, xunto coa alcaldesa, Cristina Correa, destas actuacións, coincidindo coa posta en marcha da contratación dos traballos para minimizar o risco de asolagamento neste río, na zona da ponte da Serra Seca.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 17 de marzo para presentar as súas ofertas a este contrato. A partir de aí, dixo, continuarase cos trámites oportunos, co obxectivo iniciar as obras este mesmo ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que estarán finalizadas a mediados de 2024.
Ethel Vázquez detallou que esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello para minimizar os efectos producidos polas enchentes no río Viladesuso e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.
Lembrou que a contorna do río, na zona da ponte da Serra Seca, está cualificada como área de risco potencial significativo de inundacións, no Plan de inundacións da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a conca de competencia autonómica.
Tal e como establece o convenio asinado co Concello, a Xunta será a encargada de executar e financiar integramente as obras, cun investimento de 342.000 €. Pola súa banda, a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos necesarios para acometer os traballos, para o que foi preciso realizar expropiacións.
A responsable da entidade hidráulica da Xunta explicou que as intervencións que se levarán a cabo para minimizar riscos céntranse na mellora do comportamento hidráulico deste río ao paso por Oia e completan as xa realizadas en anos anteriores cun investimento autonómico de 152.000 €.
Agora, Augas de Galicia acometerá novas actuacións para incrementar a sección do río na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito fronte á erosión, especialmente nos tramos curvos.
Explicou que unha primeira intervención estará encamiñada a protexer a canle do río na marxe esquerda, coa construción dun noiro de protección de dique con dous mantos, un principal de escolleira baixo o que se coloca un secundario que actúa a modo de filtro drenante.
A segunda actuación busca aumentar a sección hidráulica da ponte coa construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, executarase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o fluxo da auga.
A conselleira explicou que tamén se vai a facer un retranqueo do leito na marxe esquerda, construíndo un novo muro, para dar continuidade hidráulica á actuación executada na ponte; e derrubárase o muro actual pola outra marxe, pola dereita, coa construción dun novo muro retranqueado para minimizar o risco de inundación nesa zona.
Ethel Vázquez indicou que na intervención se reforzará a marxe dereita do río coa construción dun noiro, de modo similar ao da marxe esquerda. Finalmente, dixo, será preciso realizar unha transición do reforzo do noiro proxectado na marxe dereita coa ponte, coa construción dun muro.
Na obra vaise aproveitar e reutilizar todo o material depositado no leito do río: as rocas de maior tamaño, para a construción do manto principal de dique; e o resto, como manto secundario.
Ethel Vázquez fixo fincapé na colaboración da Xunta e o Concello de Oia na suma de esforzos para completar as actuacións de mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso, para minimizar o risco de inundación e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.
A actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.