A Xunta destinará o vindeiro ano 375.000€ ás obras para minimizar o risco de inundación no río Viladesuso
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa, Cristina Correa, selaron hoxe a colaboración para reforzar os traballos xa executados neste río | Vázquez Mourelle explica que o obxectivo é incrementar a sección hidráulica da zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito do río fronte á erosión, para reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área | No que que se refire aos compromisos establecidos no acordo, Augas de Galicia financiará integramente as actuacións e contratará e executará as obras
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou que os Orzamentos da Xunta para 2022, que esta mañá foron entregados ao Parlamento de Galicia, recollen un investimento de 375.000 euros para executar as obras necesarias para minimizar o risco de inundación no río Viladesuso, ao seu paso polo concello de Oia.
Vázquez Mourelle confirmoulle hoxe á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, este investimento, coincidindo coa sinatura do convenio de colaboración que impulsa a execución da 2ª fase das obras de mellora do comportamento hidráulico do río, que está cualificado como área de risco potencial significativo de asolagamento no Plan de Xestión de Riscos de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, na zona da ponte da Serra Seca.
No encontro mantido na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, a conselleira concretou que o departamento que preside reserva en 2022 a partida de 0,35 M€, necesaria para executar as obras.
En canto ao convenio selado esta mañá, o acordo permite establecer as condicións de colaboración para executar as obras que permitan incrementar a sección hidráulica da zona da ponte da Serra Seca e da protección do leito do río fronte á erosión, sobre todo nos tramos curvos.
No que se refire aos compromiso establecidos neste convenio, o departamento que preside Ethel Vázquez comprométese a financiar integramente as actuacións e a contratar e executar as obras destinadas a reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área. As obras estarán cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.
Pola súa parte, o Concello de Oia asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, para a execución das actuacións, a tramitación das autorizacións precisas para acometer as obras, e a conservación en bo estado das obras e as instalacións.
Mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso
As intervencións obxecto desta colaboración reforzan os traballos executados por Augas de Galicia de mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso, na zona do Sobral, e inciden nas actuación realizadas para paliar os efectos dos incendios acaecidos na bacía do río Viladesuso no 2006.
O orzamento da primeira fase roldou os 152.000 € que, sumado ao desta segunda fase, suporá un investimento autonómico global de máis de 525.000 €.
No marco do acordo asinado, Augas de Galicia ten proxectadas seis novas actuacións para aumentar a capacidade hidráulica ao longo do río Viladesuso.
Entre os traballos que se executarán inclúense a protección do leito na marxe esquerda do río, mediante a construción dun noiro de protección de dique; así como o aumento da sección hidráulica da ponte mediante a construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, construirase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o comportamento hidrodinámico do fluxo de auga en época de avenidas e reforzarase a cimentación dos estribos da ponte mediante dique.
Tamén se retranqueará o leito na marxe esquerda do río e construirase un novo muro, coa finalidade de dar continuidade hidráulica ao caixón construído na ponte. Derribarase o actual muro existente na marxe dereita do río e executarase un novo retranqueo, con noiro no leito, reforzándose a marxe dereita do río.
Para a realización das obras está previsto reutilizar o material depositado no leito: as rocas de maior tamaño serán seleccionadas e reutilizadas para a construción do manto principal de dique, e o resto de material do río, previamente clasificado, poderá ser reutilizado como manto secundario.
O Goberno galego mantén a aposta pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte aos efectos do cambio climático e ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.