A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Mougás

Estes traballos desenvólvense ao longo de preto de 1 km, no percorrido do río polos lugares de Bragadela, A Granxa e O Porto, na parroquia de Santa Uxía de Mougás | As tarefas céntranse na roza selectiva puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos | Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Mougás, no concello de Oia.

Os traballos están a desenvolverse nunha lonxitude de preto de 1 quilómetro do río, no seu percorrido polos lugares de Bragadela, A Granxa e O Porto, na parroquia de Santa Uxía de Mougás.

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección, de competencia autonómica.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Pin It on Pinterest

Share This