A Xunta investirá 900.000 € no Mosteiro de Santa María de Oia para rehabilitar un dos maiores bens do Camiño Portugués da Costa
en Concello, Cultura, Obras, Patrimonio, Turismo
A intervención na igrexa, que se licitará nas próximas semanas, mellorará as condicións de humidade e resolverá os problemas da falla de mantemento
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o Mosteiro de Santa María de Oia, onde anunciou que a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de rehabilitación cun investimento de preto de 900.000€ na igrexa. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de humidade e resolver os problemas da falta de mantemento e conservación deste importante BIC do Camiño Portugués da Costa.
Román Rodríguez, xunto coa alcaldesa Cristina Correa, subliñou que esta intervención “será a maior aposta da Xunta este ano no patrimonio da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de toda Galicia”. Isto será posible, como explicou o conselleiro, grazas ao incremento do investimento por parte do Goberno autonómico en fondos para patrimonio. “En 2021 imos dedicar un 19% máis”, declarou.
“Queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis sobranceiro”, resumiu o titular de Cultura da Xunta, quen explicou que os traballos que se desenvolverán este ano “renovarán unha das xoias patrimoniais xacobeas en pleno Ano Santo”. Neste momento estanse a completar os tramites administrativos para a súa próxima licitación e, unha vez adxudicada a obra, terá un prazo de execución de nove meses.
No caso concreto da provincia de Pontevedra, a Xunta está destinando máis de 3 millóns de euros nunha ducia de bens como a igrexa de Santo Estevo de Negros, en Redondela, cuxa obra empezará nas vindeiras semanas; a basílica de Santa María a Maior, en Pontevedra; ou a restauración rematada de Santa María de Baiona, entre outras.
Numerosas zonas de actuación
A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural permitirá mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. Así, o proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.
Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.
As obras previstas no Mosteiro de Oia complétanse coa apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.