A Xunta subvenciona con 20.000 euros a restauración do lavadoiro de Pedornes

O delegado territorial visitou o resultado dos traballos que foron posibles grazas ás axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos locais

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de restauración que se levaron a cabo no lavadoiro de Pedornes, no concello de Oia.

Trátase dunha actuación que foi posible grazas ás axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos que a Xunta pon á disposición dos concellos a través do Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Concretamente, o concello pontevedrés recibiu unha achega da Xunta de 20.000 euros para cometer esta actuación.

Cómpre destacar que as accións subvencionables inclúen, por un lado, a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais así como a mellora do aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos e doutro tipo de equipamentos públicos.

Acompañado polo director territorial de Pontevedra de Medio Ambiente, Nicolás Montes, e pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “apoiar aos concellos para que estes poidan manter e conservar espazos tan emblemáticos como este lavadoiro de Pedornes”.

Pin It on Pinterest

Share This