A Xunta subvenciona con preto de 32.000 euros as obras de mellora da accesibilidade da oficina de turismo de Oia

O delegado territorial visitou o resultado das obras que consistiron na creación dun cuarto de baño accesible na planta baixa; a instalación de novo mobiliario; e a mellora da sinalización

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, xunto á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o resultado das obras de mellora da accesibilidade da oficina de turismo de Oia.

Estas obras, que contan cunha achega da Xunta de preto de 32.000 euros, permitiron a creación dun cuarto de baño accesible na planta baixa do edificio, ademais da instalación de novo mobiliario accesible de atención ao público e da dotación e mellora dos elementos de sinalización, información e iluminación.

Desta forma búscase que os servizos prestados por esta oficina de turismo, que cada ano atende a millares de visitantes, cheguen a máis persoas e se adapten ás necesidades de todos os usuarios.

A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local, que beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por valor de máis de 520.000 euros. Cabe destacar que nos últimos cinco anos a Xunta concedeu axudas dentro desta liña ao concello de Oia por valor de máis de 185.000.

Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de “obras como esta coas que, pouco a pouco, imos construíndo unha provincia máis accesible para todas as persoas e que, ademais, afecta a un dos sectores clave na nosa área territorial, como é o turismo”.

Reguera rematou a visita lembrando a necesidade de “seguir colaborando entre institucións para, entre todos, continuar a mellorar os servizos que se prestan tanto aos galegos e galegas como aos moitos visitantes que cada ano encontran en Galicia, e moi especialmente na provincia de Pontevedra, un lugar ideal para pasar as súas vacacións”.

Pin It on Pinterest

Share This