Aberta a inscrición para o obradoiro de teatro veciñal deste ano
O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición do obradoiro de teatro veciñal, para o que ten xa aberto o prazo de inscrición. Ao igual que aconteceu nas anteriores convocatorias, as sesións serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres en horario de tarde.
O obradoiro comezará o 2 de febreiro e as sesións desenvolveranse no Centro Cultural de Pedornes de 19.00 a 21.00 horas. En canto ao calendario da actividade, extenderase desde o mes de febreiro ata finais do mes de maio.
As persoas interesadas en participar poden apuntarse no rexistro do Concello desde hoxe ata o 31 de xaneiro. A actividade é gratuíta, se ben é obrigatorio inscribirse pois as prazas son limitadas.
Por outra parte, e tendo en conta a boa acollida do obradoiro infantil de teatro desenvolvido o pasado ano, o Concello tamén abre a inscrición para poñer en marcha unha nova edición neste 2024. As sesións desenvolveranse os venres de 18.00 a 19.00 horas (xusto antes do obradoiro para persoas adultas) e están dirixidas a nenos e nenas desde os 6 aos 12 anos.
6×6 Punto de Encontro
En cada unha das súas edicións, o obradoiro de teatro de Oia reúne a varias decenas de veciñas e veciños de diversas idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada no barrio do Arrabal.
Nesa xornada de representación, denominada 6×6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc.).
Nesta convocatoria do obradoiro de teatro de Oia correspondente ao ano 2024 prevese igualmente rematar o curso coa xornada festiva do 6×6 Punto de Encontro: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e máis a participación veciñal.
O obradoiro de teatro e financiado a través da subvención de pacto do estado contra a violencia de xénero.