Aberto o prazo de inscrición da Aula de Acollida no CEIP Mestre Manuel García, en Oia
O Concello de Oia, abre o prazo de inscrición do programa Aula de Acollida para o curso escolar 2017-18, prazo que remata o vindeiro 9 de setembro. Os pais e nais que queiran inscribir aos seus fillos neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden realizar as inscricións na Casa do Concello.
O programa desenvólvese nunha das aulas do centro CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases. Durante este tempo, os asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.
A folla de matriculación presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto con elas o resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, dos DNI da nai e do pai; título de familia numerosa de ser o caso; e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.
O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos, aplícase unha bonificación do 20% (en caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40% (en caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar).
Ademais dos usuarios habituais, o concello tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos, neste caso as tarifas son de 2,50€/día (con almorzo) e 2,00 € (sen almorzo).