Aberto o prazo de inscrición no programa Aula de Acollida do Concello de Oia

Como vén sendo habitual ao inicio de cada período escolar, o Concello de Oia pon en marcha o programa Aula de Acollida para o curso 2024-25. As familias que queiran inscribir aos seus fillos e fillas neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden presentar a súa solicitude na Casa do Concello durante este mes de setembro.

O programa arrancará co comezo do curso, o mércores 11 de setembro, e desenvolverase nunha das aulas do CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases e, durante este tempo, os nenos e nenas asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.

A folla de matriculación na aula municipal de acollida deberase presentar no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto a ela a seguinte documentación: resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, copia dos DNI da nai e do pai, título de familia numerosa -de ser o caso-, e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.

O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos aplicarase unha bonificación do 20% (no caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40% (no caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar).

Ademais das persoas usuarias habituais, o Concello de Oia tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos. Neste caso as tarifas son de 2,50€/día (con almorzo) e 2,00€ (sen almorzo).

Pin It on Pinterest

Share This