Arranca esta fin de semana a programación de visitas guiadas de Costa dos Castros

A tradicional programación de visitas guiadas polo patrimonio de Oia organizada pola Asociación Costa dos Castros arrancará este sábado 20 de xullo na Cabeciña, cun pase nocturno para coñecer, á luz das lanternas, os petróglifos que existen neste enclave arqueolóxico. Ademais, este verán haberá visitas ao barrio do Arrabal e, como novidade, á zona de Chavella-A Valga.

Entre o 20 e o 30 de xullo, os sábados pola noite haberá visita aos petróglifos da Cabeciña (22.30 horas, require inscrición), os martes haberá visita guiada ao Arrabal (saída da Oficina de Turismo ás 19.30 horas, sen inscrición) e os xoves haberá unha pequena ruta polo enclave arqueolóxico e miradoiro de Chavella e a zona do curro da Valga (19.30 horas, require inscrición).

Durante o mes de agosto esta programación manterase  e, ademais, engadirase unha nova opción para os venres. Ese día haberá visita diúrna ao castro e petróglifos da Cabeciña (19.30 horas, require inscrición).

Esta programación estival de visitas guiadas conta coa colaboración do Concello de Oia e ten o obxectivo de revalorizar e dar a coñecer o patrimonio cultural, natural e paisaxístico do municipio. As inscricións poden facerse no número de teléfono 689.37.57.13. ou ben no correo electrónico costadoscastros@gmail.com

Contacto: ASOCIACIÓN COSTA DOS CASTROS

Pin It on Pinterest

Share This