Arredor de 250 persoas investigaron os misterios do Mosteiro de Oia
Grande éxito da sétima proba de ‘Eureka Reto Rural’. Arredor de 250 persoas desfrutaron en Oia dunha nova proposta deste xogo de escapismo ao aire libre e de balde, un proxecto de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que chegaba esta fin de semana ao seu ecuador e que promete seguir xerando espazos de lecer para coñecer o territorio dun xeito divertido e interactivo ata finais de verán.
O equipo ‘Becky Team’ foi o gañador do escape room centrado no Mosteiro de Oia e que tiña como premio a ‘Experiencia Palacios’, unha visita con guía oficial á Ruta Palacios no Porriño cunha cea con degustación no Xantar de Pepa. Por outra banda, os grupos ‘Botilllo’ e ‘Los Tomiñeses’ foron os gañadores do lote de produtos de apicultura sorteado polo Concello de Oia entre todos os equipos participantes.
As persoas que non puideron asistir esta fin de semana ao encontro en Oia poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.