Axudas a autónomos para contratación indefinida e formación

Incentivos á contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou por persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia

* Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

  • Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:

Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Bono de formación (opcional), por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

* Características da axuda

Bono de contratación

Serán subvencionables as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as dúas datas incluídas.

c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos-descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo-descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.

O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial; neste último caso para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Subvenciónanse a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional:

I. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.

Primeira persoa traballadora indefinida desempregada: 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

De non existir persoas contratadas no momento previo á nova contratación indefinida, entenderase sempre como primeira contratación.

II. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas.

Segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €.

A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

Os incentivos sinalados incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

b) Persoas maiores de 45 anos (non será aplicable no caso de que a axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 sinalado na letra c) das alíneas I e II anteriores).

c) Persoas trans.

d) Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio no que a muller estea subrepresentada, segundo o informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo II da Orde.

Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:

– Para a primeira persoa traballadora indefinida 14.400 euros.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 17.600 euros

Bono incentivos á formación

As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto na Orde.

Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación.

b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2025.

Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos.

  • Prazo de solicitude: A partir do 24 de xaneiro e ata o 30 de setembro (ou esgotamento do crédito)
  • Máis información: no DOG do 17 xaneiro e na sede electrónica de Xunta, procedemento TR349F                                                                                                                                  https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR349F&ano=2025&numpub=1&lang=gl

Pin It on Pinterest

Share This