Axudas á conciliación da persoa traballadora autónoma
Axudas para apoiar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante:
O Bono Autónomo Concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento).
Axudas dirixidas á contratación no período subvencionable (do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025) dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
Tamén se apoia a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo e/ou a lactancia. Igualmente, se incentivan os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
O Bono Autónomo Concilia II (contratación dunha persoa traballadora para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).
Axudas dirixidas á contratación indefinida, no período subvencionable (do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025), dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas.
O Bono Autónomo Concilia III (apoio nos custos dos centros e/ou servizos para o coidado de menores e maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia). Axudas para apoiar os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma realizados no período subvencionable (do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025).
- Importes subvencionables:
- Bono Concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento).
O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade
Nos supostos de risco durante o embarazo o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, sendo polo tanto o importe máximo que se pode percibir de 8.800 €.
No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos colectivos específicos (muller, menor de 30, maior de 52, etc.)
2. Bono Autónomo Concilia II:
Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa menor, maior e/ ou persoa con discapacidade ou dependencia.
No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade ( grao igual ou superior ao 33% ), e/ ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude.
O importe da subvención para compensar dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos colectivos específicos (muller, menor de 30 e maior de 52, etc)
3. Bono Concilia III:
Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade (grao igual ou superior ao 33% ), e/ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude
Será subvencionable, o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €.
- Prazo de solicitude: dende o 24/01/2025 e ata o 30/09/2025
Máis información no DOG do 17/01/2025 e na sede electrónica, procedemento
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341R&ano=2025&numpub=1&lang=gl