Axudas ao alugamento de vivenda
A través do Instituto Galego de Vivenda e solo, convócanse as axudas ao alugueiro de vivenda.
1️⃣ REQUISITOS
1. Os requisitos para poder acceder a estas axudas son:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.
d) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos (para Oia son 425 euros)
e) Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.
g) As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás cales se lles revogase algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.
2️⃣ CONTÍA DA AXUDA
– Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda de ata o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente, en función dos seguintes tramos de ingresos:
a) Ingresos desde 0,5 ata 1,5 veces o IPREM, o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
b) Ingresos superiores a 1,5 e ata 2,5 veces o IPREM, o 40 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
c) Ingresos superiores a 2,5 e ata 3, 4 ou 5 veces o IPREM (en función dos límites máximos de ingresos previstos na letra b) do punto dous do ordinal sexto desta resolución), o 30 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
– Con cargo a fondos autonómicos poderán incrementarse as porcentaxes anteriores de axuda en 10 puntos porcentuais para os seguintes colectivos:
a) Persoas menores de 36 anos. No caso de subscrición do contrato por varias persoas, todas deberán cumprir este requisito de idade.
b) Familias numerosas.
c) Familias monoparentais.
d) Unidades de convivencia inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade superior a un ano.
e) Persoas emigrantes galegas retornadas a España durante o ano inmediatamente anterior á data de publicación da correspondente convocatoria da axuda, sempre que residisen no estranxeiro un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.
– A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.
– A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de dous anos
3️⃣ Máis información:
– Na sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI483C&ano=2024&numpub=1&lang=gl
– No DOG de 11/01/2024
– O prazo de solicitude é a partir do día 15/01/2024 e ata o 29/02/2024
As axudas concédense ata esgotamento dos fondos