Axudas ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025

A través do Instituto Galego de Vivenda e solo, convócanse as axudas ao alugueiro de vivenda

REQUISITOS

1. Os requisitos para poder acceder a estas axudas son:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

d) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos (para Oia son 400 euros)

e) Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.

g) As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás cales se lles revogase algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.

CONTÍA DA AXUDA

– Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50 % da renda que deban satisfacer
polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente

– A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos

Máis información:

– Na sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI483A&ano=2023&numpub=1&lang=es

– No DOG de hoxe, 14/12/2022

Pin It on Pinterest

Share This