Axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de recuperacion, transformación e resiliencia
Xa está convocado o programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual.
Estas axudas teñen por obxecto o financiamento de actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas.
REQUISITOS
- – Son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes á edificios plurifamiliares, que constitúan o domicilio habitual e permanente das persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
- Conseguir unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, 7 %, redución do consumo de enerxía primaria ; ou unha non renovable de polo menos, un 30 %; ou, no caso de actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica, adecuar a súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos nas táboas 3.1.1.a–HE1 e 3.1.3.a–HE1, do Documento Básico DB HE de Aforro de enerxía do Código Técnico da Edificación.
- Cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.
- Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.
- As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da presentación da correspondente solicitude.
- O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nas vivendas que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder de 12 meses, contados desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.
CONTÍAS
- O importe da subvención será do 40 % do custe da actuación, cun límite de 3.000 euros.
- No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais interviñentes, o custe da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa, e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Non se consideran custes subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptibles de recuperación ou compensación total ou parcial.
- O custe mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros por vivenda.
PRAZOS DE INSCRIPCIÓN NO PROCEDEMENTO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de outubro de 2022 (ou ata esgotamento do crédito).
MÁIS INFORMACIÓN
–Nesta ligazón podes ver un resumo moi completo.
–Resolución publicada no DOG do 3 de marzo.
RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2022 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).