Axudas para a mobilidade eléctrica – Programa Moves III

Dirixidas á adquisición de vehículos eléctricos e á implantación de infraestrutura de recarga

Xa está aberta a convocatoria de axudas do programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) correspondente ás anualidades 2021-2023. A entidade responsable da execución do programa MOVES III, na Comunidade Autónoma de Galicia é o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Concretamente, convócanse  axudas para as seguintes actuacións:

-Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible (en diante, “Adquisición de vehículos eléctricos”).

-Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

BENEFICIARIOS

Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da comunidade autónoma de Galicia (para o Programa de incentivos 2 considerase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da comunidade autónoma de Galicia). En concreto, os seguintes:

  1. As persoas físicas que desenvolvan actividades económicas, polas que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, en cuxo caso haberán de estar dados de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retenedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
  2. As persoas físicas maiores de idade, a excepción dos casos de discapacidade, que poderán ser menores de idade, con residencia fiscal en España e non incluídas no anterior punto.
  3. As comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, de 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que haberán de cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e en particular, co establecido no seu artigo 11.3.
  4. As persoas xurídicas, validamente constituídas en España no momento de presentar a solicitude, e outras entidades, con ou sen personalidade xurídica, cuxo número de identificación fiscal (NIF) comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, R ou W. Tamén serán elixibles as entidades de conservación de polígonos ou sociedades agrarias de transformación cuxo NIF comece por V.
  5. As entidades locais, conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sempre que non exerzan actividades económicas polas que ofrezan bens e servizos no mercado en cuxo caso se considerarán incluídas no anterior ordinal 4º.

SOLICITUDES

-Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos:

A solicitude farase a través dos concesionarios de automóviles, que actuarán como entidades colaboradoras.

Cando o solicitante sexa o sector público, poderá solicitar directamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia

-Programa de incentivos 2. Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos:

As solicitudes faranse a través de empresas con actividade de instalación de baixa tensión, que actuarán como entidades colaboradoras, salvo cando o beneficiario sexa o sector público ou empresas con actividade de estacións de servizos que poderán solicitar directamente.

PRAZOS

Desde o 13 de setembro de 2021 ao 2 de xaneiro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

  • Normativa:

Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se aproba a concesión directa de axudas para a execución de programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (MOVES III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia Europeo (BOE nº 89 do 14/5/2021)

Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (DOG nº 149 do 5/8/2021)

  • Información sobre o procedemento:

Dirección Inega // Xerencia do Inega:

Rúa Avelino Pousa Antelo, 5,San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500 // Email: inega.info@xunta.gal

Pin It on Pinterest

Share This