Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos
Subvencións dirixidas actuacións en medianeiras, fachadas, muros e peches, entre outros elementos
O Instituto de Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) convoca axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en construcións. As actuacións obxecto de solicitude son as seguintes:
– Tratamento de paredes medianeiras vistas, mediante cobertura con materiais de revestimento, pintado ou tratamento vexetal, adaptadas aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
–Revestimento e pintado de fachadas actualmente rematadas en ladrillo cerámico ou bloque de formigón sen revestir, adaptados aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
– Renovación do acabamento exterior das fachadas de edificacións (paramentos e carpintarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento, para substituílo por solucións adaptadas á Guía de cor e materiais de Galicia.
– Remate exterior de cubertas realizadas con pranchas de fibrocemento, mediante a instalación ben de tella cerámica, ben de lousa, en función do material tradicional da comarca, de acordo coas recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia.
– Acondicionamento e mellora de peches de predios de gran dimensión (altura superior a 1,50 metros), mediante a substitución de muros opacos por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
– Revestimento de muros de cerramento de predios realizados con bloques de formigón, con fábrica de pedra semellante á cachotaría tradicional, adaptada aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
– Substitución de celosías e outros tipos semellantes de pezas prefabricadas de cerámica ou de formigón, en cerramentos de predios, por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 euros.
PERSOAS BENEFICIARIAS
As persoas físicas titulares dun ben inmoble, recurso ou elemento, así como aquelas que posúan calquera título válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.
As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
PRAZOS DE SOLICITUDE
O prazo de solicitude é ata o 31 de maio ou esgotamento do prazo (subvencións en réxime de concorrencia non competitiva)
MÁIS INFORMACIÓN
Sobre as axudas, na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MT402A&ano=2021&numpub=1&lang=es
Acceso á Guía de cor e materiais de Galicia: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_cor.html&sub=guias-metodoloxicas/
Acceso á Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_valados.html&sub=guias-metodoloxicas/