Bono emancípate
Axuda económica a través do Bono Emancípate destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as
- Actividade subvencionable e contía da axuda:
A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual para a adquisición dos seguintes bens e servizos, nos establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, :
– Mobles de salón/comedor: sofá, mesa de comedor, cadeira/s, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar, moble de TV, estante.
– Mobles de cuarto: cabeceiro, estrutura de cama, somier, colchón, almofada, aparador, armario, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar.
– Mobles de cociña: mesa, cadeira/s, estante, lámpada de teito.
– Mobles de baño: estante, moble de lavabo, cadeira, biombo ou cortina de ducha.
– Electrodomésticos: forno convencional, forno microondas, lavadora, secadora, frigorífico, deshumidificador, radiador.
– Artigos de decoración: cadros, porta retratos, testos, plantas, alfombras, espellos, floreiros.
– Enxoval de cociña: potas, cazos, tixolas e similares, vaixela, cubertos e outros utensilios.
– Enxoval de baño: xaboeira, porta cepillos e similares, espello de aumento.
– Téxtil de fogar: sabas, edredóns, toallas, mantas.
– Gastos de mudanza: os derivados do servizo de traslado de mobiliario e útiles desde unha vivenda anterior ata aquela alugada ou adquirida que dá dereito ao cobramento da axuda.
– Gastos de xestoría e notaría: os honorarios que aplique a xestoría ou a notaría polas xestións derivadas dos contratos de arrendamento ou de compravenda que dan dereito ao cobramento desta axuda.
No caso dos electrodomésticos, só se poderá adquirir unha unidade de cada tipo.
No caso de enxoval de cociña e baño, poden adquirirse cada tipo de produto individualmente ou como un xogo.
Os produtos e servizos subvencionados serán aqueles que se adquiran desde a data da activación da tarxeta polas persoas beneficiarias ata o 31 de decembro de 2025.
A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que teñan adquirido unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 31 de maio de 2024 e, en todo caso, antes da data de remate do prazo de solicitudes.
- Persoas beneficiarias. Requisitos:
1.1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
1.2. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
1.3. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude..
1.4.
• Para o caso de persoas solicitantes con unidade de convivencia, que a suma dos ingresos anuais das persoas que a compoñen sexan iguais ou inferiores a catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este límite será de cinco veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia haxa persoas cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de seis veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
Para o caso da modalidade de alugamento, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante no caso de que concorran os seguintes dous requisitos:
a) Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos de idade.
b) Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.
• Para o caso de persoas solicitantes sen unidade de convivencia, que a suma dos seus ingresos anuais sexa igual ou inferior a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM cando a persoa solicitante conte cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de cinco veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
1.5. Ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda formalizado, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, que estea construída e que conte con licenza de primeira ocupación no momento da presentación da solicitude, e xa sexa nova ou usada, ou ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
1.6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda arrendada ou adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude.
1.7. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que compoñen a unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España distinta da que é obxecto da solicitude.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou vendedora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
Prazo de solicitude: dende o 6/02 ata o 30/04 (ou esgotamento do crédito)
Máis información no DOG do 28/01/2025 e na sede electrónica, procedemento CT501B
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=CT501B&ano=2025&numpub=1&lang=gl