Catorce touroperadores percorren o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño na procura de experiencias e sinerxías
Oia foi unha das paradas na visita organizada polo xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para dar a coñecer o territorio a un grupo composto por touroperadores. Esta actividade tiña por obxectivo que o sector puidese coñecer de primeira man as oportunidades turísticas da zona, estreitar lazos de colaboración con iniciativas locais e crear sinerxías co tecido empresarial dos 14 concellos que integran o xeodestino (do que o concello forma parte). De feito, a xornada incluíu diversos encontros de traballo cunha trintena de empresas locais.
Durante toda a xornada do martes, representantes de 14 touroperadoras de Galicia e Portugal (Rutas Meigas, Tee Travel, Galiwonders, Circuítos Galicia, Always Spain Incoming, Simply Galicia, Pambre Tours, Arribeirados, Grupo Acuña Ons, Go Travel Portugal e Art Natura) coñeceron algúns dos lugares máis icónicos do territorio, puntos de referencia para o turismo nos que descubrir experiencias xenuínas para trasladar á súa clientela.
Dentro do seu percorrido, o grupo convidado polo Xeodestino achegouse ata Oia, onde a alcaldesa, Cristina Correa, deu a benvida aos touroperadores antes de realizar unha visita ao Mosteiro. Na súa visita ao emblemático monumento cisterciense, conducida pola propia organización do Mosteiro, puideron coñecer de primeira man o seu valor patrimonial, a súa actividade turística e cultural así como as súas previsións para o futuro próximo.
Durante a súa visita polo Baixo Miño, a delegación tamén tivo oportunidade de coñecer outros atractivos de concellos veciños de Oia. Así, as empresas convidadas descubriron a cultura mariñeira que se respira na Guarda, onde visitaron ás redeiras, e tomaron nota da potente oferta enoturística da comarca cunha visita a adega Terras Gauda, no Rosal. Tamén exploraron as posibilidades que ofrece o sector do cultivo de planta ornamental cunha visita aos Viveiros Río Tollo, en Tomiño.