Cerca de 5.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia este verán

Un total de 4.846 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia durante o servizo da tempada de verán, que se estendeu este ano entre o 18 de xuño e o 17 de setembro. Estas cifras, acadadas no segundo ano de pandemia de COVID-19 supoñen un aumento próximo ao 45% sobre os datos do ano anterior, cando se rexistraron un total de 3.348 visitas (período 4 de xullo-23 de setembro de 2020).

Segundo a información recompilada polo persoal da oficina de turismo, das 4.846 visitas contabilizadas, 2.850 correspondéronse con turistas e 1.996 con peregrinos. En canto a estes últimos, foron os que rexistraron o incremento máis salientable, posto que duplicaron as cifras acadadas no verán de 2021 (856 peregrinos).

No que respecta ao lugar de orixe dos visitantes que fixeron uso da oficina, dos procedentes do territorio español recibíronse principalmente turistas doutras localidades galegas e das comunidades de Madrid, Andalucía, Castela e León e Andalucía. En canto a outras nacionalidades, os máis habituais foron os visitantes de países como Portugal, Alemaña, Italia e Francia.

Durante este verán dúas persoas traballaron na oficina de turismo, situada no barrio histórico do Arrabal, ambas contratadas polo Concello de Oia. A Administración local contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra que cubriu o 75% do custo dun dos dous contratos (subvención destinada ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2021).

Valoración dos datos

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou a boa evolución dos datos acadados este ano respecto do pasado, e incidiu na aposta do Concello pola adecuación de espazos destinados a actividades de turismo e lecer ao aire libre, tan demandadas durante a pandemia. 

A ese respecto, destacou os traballos de sinalización de diversas rutas de sendeirismo postas en marcha nos últimos anos, tanto nas parroquias da costa como nas zonas interiores do municipio. Na mesma liña, lembrou que actualmente se está a traballar nun novo itinerario que unirá atractivos de interese natural, patrimonial e paisaxístico das parroquias de Burgueira e Loureza, a cal estará concluída antes de fin de ano.

Pin It on Pinterest

Share This