Charla informativa sobre alzheimer e outras demencias os días 21 e 25 de novembro en Oia
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA) impartirá os próximos días 21 e 25 de novembro unha sesión formativa gratuíta en Oia enmarcada dentro do proxecto “Alzheimer de Preto”. Trátase dunha iniciativa de FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias) e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello de Oia.
A actividade impartirase os días 21 e 25 de novembro en horario de 16.30 a 18.30 horas na Aula Mentor (antiga biblioteca, no baixo do Casa do Concello). Está dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.
As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.
Por este motivo ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.
Para máis información pode contactarse no correo electrónico info.fadeal@gmail.com ou no teléfono 610.437.895.