Cita co deporte infantil o 8 de xuño cunha nova edición do Cross Escolar de Pedornes
O Cross Escolar de Pedornes celebrará a súa XIII edición o sábado 8 de xuño, con diferentes categorías e distancias adaptadas segundo a idade dos menores que desexen participar. Especificamente orientada para a rapazada do Baixo Miño e Val Miñor, contará con opcións de percorridos que van desde os 100 metros, para os máis pequenos, ata os 1,7km.
O evento, organizado conxuntamente polo Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes, e coa colaboración de Deporte Galego da Xunta de Galicia, ten carácter gratuíto. É preciso incluír a autorización asinada polo pai/nai/titor do menor. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse ata o día 5 de xuño a través da ligazón https://acortar.link/xumrTA ou consultando a páxina de facebook “Cross escolar de Pedornes”. Para máis información pódese chamar ao Concello ao teléfono 986362125.
O día 8 de xuño as carreiras sairán do Eirado de Pedornes ás 17.00 horas, polo que os dorsais poderán recollerse previamente, a partir das 15.30 horas. Haberá un total de 6 categorías, cada unha coa súa correspondente distancia:
- Infantil (2011-12): 1.750 metros
- Alevín (2013-14): 1.000 metros
- Benxamín (201516): 500 metros
- Pulgas (2017-18): 350 metros
- Minipulgas (2019-20): 200 metros
- Pulguiñas (2021-22-23): 100 metros
Haberá un pequeno agasallo para todos os participantes, así como trofeos para os que acaden mellores marcas en cada categoría.
Unha carreira de longa tradición
O Cross de Pedornes foi creado nos anos 80 grazas á dedicación e o traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, Chicho. A tradicional carreira celebrouse nesta parroquia durante algo máis dunha década e congregando a varios centos de participantes nas súas edicións. A primeira foi en 1985 e, tras 11 convocatorias, celebrárase por última vez en 1996. En 2023 a historia da competición abriu unha nova etapa volvendo en formato cross escolar, iniciativa que repite neste 2024. Con esta longa traxectoria, a popular competición deportiva chega este ano á súa XIII edición.