Cita coa música tradicional este sábado en Oia co Encontro dos Pobos

O festival de música tradicional Encontro dos Pobos, que cada ano organiza a agrupación musical Do Lusco ó Fusco en diversos municipios do Baixo Miño, chega este ano á súa edición número XXIX. Ao igual que en anos anteriores, Oia acollerá parte da programación, cun concerto que reunirá, este sábado na Praza Centinela, música e tradición de orixe galega, portuguesa e serbia.

Despois de pasar polas localidades de A Guarda, O Rosal e Tomiño, o Encontro dos Pobos chegará a Oia cun concerto que se desenvolverá o 27 de xullo ás 20.00 horas na Praza Centinela. Contará coa participación dos grupos tradicionais Tra-lo Mosteiro (Oia), Do Lusco ó Fusco (A Guarda), Martir S. Sebastiao (Coimbra, Portugal) e Ensemble Dido (Serbia).

Con este festival, dirixido tanto ao público local como a visitantes que pasan estes días pola zona, o barrio histórico de Oia converterase en escenario de intercambio cultural a través da música de territorios como o Baixo Miño, Coimbra (Portugal) e Serbia.

Co gallo da celebración do Encontro dos Pobos, o Concello de Oia informa de que a Praza Centinela permanecerá cortada ao tráfico durante a tarde do día do concerto.

Pin It on Pinterest

Share This