Concello de Oia e Galicia Ambiental conciencian sobre os perigos das especies invasoras

Ao longo da semana celebraranse varias charlas así como accións de voluntariado para extraer herba da Pampa

A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia están a desenvolver estes días unha serie de actividades conxuntas co obxectivo de concienciar á poboación sobre o problema das especies invasoras, especialmente no que respecta á herba da pampa (Cortaderia selloana). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio. 

Ao longo desta semana celebraranse diversas charlas nas que un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación exporán información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia das accións de prevención que eviten rebrotes. Como colofón deste programa de concienciación ambiental, o domingo desenvolveranse accións de voluntariado.

A programación comezou este luns con varias charlas no CEIP Mestre Manuel García e continuará o xoves con novos relatorios, neste caso para o alumnado do CEIP de Refoxos.

Charla o sábado e voluntariado o domingo

Por outra banda, o sábado 28 o Centro Sociocultural de Pedornes acollerá unha charla aberta á veciñanza (10.30h) e ao día seguinte levaranse a cabo saídas de campo nas que participarán voluntarios e voluntarias. 

Así, o domingo a partir das 11.00 horas desenvolverase unha acción de control de floración temperá e unha acción extractiva de planta a carón do Camiño de Santiago no Camiño de Barcelos (o punto de reunión será o Camping O Muíño, en Mougás).

A xornada de voluntariado rematará coa entrega, para a súa destrución, de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano por Oia e a súa contorna. A zona de extracción convertirase nun espazo “liberado” de Cortaderia selloana e será restaurada mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas. 

As dúas actividades da fin de semana son de libre acceso. No caso do voluntariado do domingo, por cuestións organizativas recoméndase apuntarse previamente chamando ao Concello de Oia (teléfonos 986.36.21.25 e 639.32.94.93)

Impacto ambiental e socioeconómico

As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación. 

Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.

Pin It on Pinterest

Share This