Concello de Oia e Xunta abordan a humanización da contorna da Praza de abastos
Esta actuación podería acometerse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, avaliaron o proxecto municipal para humanizar a contorna do mercado de abastos da localidade nunha reunión que mantiveron recentemente.
Durante o encontro, a rexedora trasladoulle á representante autonómica que o proxecto municipal ten como obxectivo acadar unha mellor integración urbana do edificio no que está previsto a creación dun centro multiusos, a través da creación dunha praza, da renovación de mobiliario urbano e da instalación dun pequeno espazo infantil, entre outras actuacións.
Ángeles Vázquez informou á alcaldesa da posibilidade de que esta iniciativa municipal, que está previsto desenvolver ao longo de dúas anualidades, se poida acoller ao chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da obra e o concello asumiría o 30% restante.
De feito, este municipio pontevedrés xa levou a cabo ao abeiro desta liña de financiamento o acondicionamento da contorna da Casa do Concello, que supuxo un investimento de preto de 60.000 euros.