Concerto de Lucía Pérez e A Roda este venres en Oia
O casco histórico de Oia encherase de música a noite deste venres 16 de agosto co concerto gratuíto A Roda da Igualdade, un proxecto no que a artista Lucía Pérez e o grupo A Roda queren amosar exemplos de música popular con discursos alonxados do discurso machista e misóxino e amosando un novo imaxinario e un novo discurso: o da igualdade.
O concerto reunirá á cantante galega Lucía Pérez, representante de España no Festival de Eurovisión de 2011, e máis ao coñecido grupo de música tradicional A Roda. Xuntos ofrecerán un espectáculo a partires das 23.00 horas do venres no adro da igrexa parroquial de Oia, preto do Mosteiro.
No concerto, organizado polo Concello de Oia e coa colaboración de Política Lingüística da Xunta de Galicia, haberá un espazo con cadeiras para que as persoas do público que o desexen poidan gozar do espectáculo sentadas.