Concerto do cuarteto Dextrum Ensemble o domingo na Praza Centinela
Este domingo 16 de abril a Praza Centinela, no Arrabal, acollerá un concerto de Dextrum Ensemble. A cita musical, que comezará ás 19.30 horas, forma parte do ciclo “Músicas no Camiño Portugués”, que levará á formación galega por diversas localidades.
A proposta musical deste cuarteto de saxofóns preséntase como toda unha viaxe polos sons que invaden a peregrinación a Compostela desde o medioevo ata os nosos días. Terá unha hora de duración e o repertorio basearase en adaptacións de pezas clásicas corais xunto con outras de creación de compositores e compositoras procedentes tanto de Galicia como de Portugal, para alternar diferentes sonoridades e potenciar a cultura musical de ambos países.
A actuación está financiada pola Xunta e conta coa colaboración do Concello de Oia. Terá lugar nun dos lugares emblemáticos do barrio histórico do Arrabal e lugar de paso obrigado dentro do itinerario xacobeo: A Praza Centinela. En caso de choiva, o concerto trasladarase á praza do Calvario de Pedornes.