O Concello edita un libro sobre os Cruceiros, Cruces e Almiñas de Oia
O Concello de Oia vén de editar un libro sobre os cruceiros, cruces e almiñas (petos de ánimas) que hai no municipio. A obra, escrita polo historiador Xoán Martínez Tamuxe, presentarase o próximo 2 de xaneiro no Centro Cultural de Mougás.
Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia trata de achegarnos a este interesante patrimonio etnográfico, para poder coñecelo mellor e revalorizalo. Ao longo das súas páxinas, escritas tras unha rigorosa investigación e compilación de datos durante varias décadas, Martínez Tamuxe ofrece un resumo histórico de cada parroquia e o inventario de cada peza ou monumento, así como o seu estudo e catalogación.
Esta obra, centrada exclusivamente no territorio oiense, é o segundo volume dunha colección que pretende dar a coñecer todos os elementos deste patrimonio popular na comarca miñota.
Ademais do Concello de Oia, na edición do libro colabora Turismo da Xunta de Galicia.
Pezas de diversas épocas históricas
A publicación identifica arredor dun centenar de pezas de diversas épocas históricas, desde cruciformes gravados na pedra ata vía crucis, cruces labradas en pedra, cruceiros e almiñas (tamén coñecidas como petos de ánimas). Tamén recolle exemplos de topónimos que fan alusión a este tipo de patrimonio nas distintas parroquias oienses.
Entre os elementos estudados destaca o cruceiro da Praza da Centinela, o máis artístico do municipio e que, segundo indica o libro, era coñecido como a “Cruz das Indulxencias”. Esta estrutura data do século XVIII e está situada no barrio do Arrabal, moi preto do Mosteiro.
Presentación en Mougás
A obra Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia presentarase o próximo 2 de xaneiro no Centro Cultural de Mougás ás 17.00 horas, dentro da programación da Semana Cultural que organiza a Asociación Veciñal de Mougás.