En construción no Concello de Oia, o segundo miradoiro – observatorio de astroturismo do Destino Starlight de Galicia Suroeste
A construción será unha realidade grazas a colaboración entre Galicia Suroeste, o Concello de Oia e a Comunidade de Montes en Man Común de Burgueira
A pasada semana iniciaron as obras para construír o segundo miradoiro – observatorio de astroturismo do Destino Starlight, “Os Ceos de Fornelos de Montes e Oia – Galicia Suroeste”.
O novo miradorio – observatorio é froito da cooperación entre as tres entidades implicadas, e antes do verán, a veciñanza así como persoas visitantes e turistas poderán desfrutar deste espazo deseñado para a contemplación e observación do ceo do Concello de Oia, certificado pola dun Fundación Starligh pola súa calidade e pureza.
Este equipamento localizarase en Torroña e permitirá contemplar o firmamento en condicións únicas, desenvolver actividades científicas e educativas e fortalecer un modelo de desenvolvemento baseado nos recursos endóxeno e na sustentabilidade.
O proxecto, redactado polo estudo Arqxé Arquitectura, foi deseñado cunha forma circular que emula un castro invertido con catro accesos que indican os puntos cardinais, e pretende ser unha porta para a contemplación do ceo, sen causar un impacto visual sobre o entorno natural no que se localiza.
Será construído totalmente en pedra local, das canteiras existentes na propia parroquia de Burgueira, e contará con elementos de descanso para a observación, espazo central estable para a colocación de telescopios e planisferio de interpretación do ceo.
A inversión desta actuación ascende a máis de 60.000,00 € e é financiada por Galicia Suroeste a través do PSTD A Despenda de Galicia, dotado con Fondos NEXT GENERATION – UE.
Este novo equipamento posiciona a Galicia Suroeste e ao Concello de Oia como un destino atractivo para amantes da astronomía e da natureza, contribuíndo ao desenvolvemento do turismo de calidade na zona e á dinamización económica da comunidade local.