Este domingo, cita co Festival do Rei Sol no Cano dos Mouros (Viladesuso)

O Festival do Rei Sol volve este ano ao máxico lugar do Cano dos Mouros (Viladesuso) coas súas propostas culturais arredor do patrimonio, a música, a narración oral e o teatro. Durante toda a xornada deste domingo, 12 de setembro, poderase gozar de variadas actividades, tales como sendeirismo, visitas guiadas, contacontos, teatro e actuacións musicais.

A edición do Festival do Rei Sol de 2021 está organizada pola Asociación de Veciños de San Miguel de Viladesuso e máis a Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Viladesuso. Ademais, conta coa colaboración do Concello de Oia e da Deputación de Pontevedra, a través de Pontegal.

As actividades comezarán ás 10.00 horas cunha andaina guiada, a cal sairá do Eirado de Viladesuso e terá unha lonxitude de 6 km (hora de finalización aproximada: 13.00h.). O itinerario incluirá unha parada con refrixerio amenizada pola agrupación musical “A Fiada de Viladesuso”.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas no castro do Cano dos Mouros haberá unha visita guiada e ás 17.30 terá lugar a actuación de contacontos infantís de “Codia e Miolo”. O teatro chegará ás 19.00 horas cunha representación a cargo do grupo local “O mellor de cada casa” e, finalmente, o peche da xornada festiva contará coa música de “Tra-lo Mosteiro” ás 20.00 horas.

Pin It on Pinterest

Share This