Este domingo, curro das moscas en Torroña
Este domingo día 6 de agosto celebrarase o tradicional curro das moscas de Torroña, que este ano prevé reunir arredor de 600 bestas e cerca de 200 poldros.
Desde as 9.00 horas comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Torroña (parroquia de Burgueira), a onde chegarán sobre as 11.30 ou 12.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse a actividade de desparasitado dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.
Despois dos curros que se celebran na primavera, onde se rapan, marchan e desparasitan os animais, no verán celébranse os curros das moscas para un reforzo do desparasitado.
A xornada, que como todos os anos será gratuíta para o público asistente, transcorrerá co tradicional ambiente festivo que a caracteriza. A seguinte cita no calendario será o domingo 13 de agosto en Mougás.
Avisos
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo.