Finalizan os traballos da primeira fase do parque forestal de Santa María de Oia

Concello de Oia e Comunidade de Montes de Santa María de Oia veñen de executar a primeira fase de traballos do parque forestal Serra da Groba e Costa de Oia, que incluíu diversas actuacións silvícolas, na contorna da casa forestal e en materia de divulgación.

Estas actividades foron desenvolvidas a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 33.646,21 euros, concedida a través da convocatoria “Mellora dos montes mediante a creación de parques forestais” do ano 2018.

O investimento realízase en colaboración coa Comunidade de Montes de Santa María de Oia, que achega un total de 14.419,80 euros.

A través deste proxecto realizáronse tratamentos silvícolas (mellora da vexetación ripícola, creación de áreas poboadas por mestura de frondosa caducifolia e tratamento de consolidación de frondosas caducifolias), acondicionouse un miradoiro e fixéronse melloras en toda a contorna da casa forestal de Santa María de Oia.

Así mesmo, elaboráronse diversas actividades de promoción e divulgación, como poden ser a creación dunha imaxe corporativa do parque, a elaboración de reportaxes de vídeo e fotografía, a posta en marcha da páxina web www.valdarca.org e a creación de cartelería.

Pin It on Pinterest

Share This