Heráldica traslada ao Concello de Oia dúas propostas para o escudo e bandeira oficiais
en Concello, Cultura, Patrimonio
Aprazada a enquisa popular para despois das eleccións municipais
A Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia trasladoulle ao Concello de Oia dúas propostas para a adopción dun novo escudo e bandeiras oficiais.
No seu informe, Heráldica recomenda unha completa reformulación do actual escudo municipal (un medallón que a penas se distingue do escudo do Mosteiro de Santa María de Oia) e presenta dúas alternativas. As dúas opcións teñen en conta o influxo histórico do cenobio, polo seu papel determinante na conformación da vila e o termo municipal de Oia.
Ambas alternativas incorporan como elementos centrais dúas pólas de figueira dispostas en aspa, surmontadas de dúas flores de lis e resaltadas dun báculo con veo abacial. Estes elementos aluden ao Mosteiro e á lenda local sobre unha figueira que, dando froito de xeito prematuro, propiciou a retirada do exército moro que cercaba as fortalezas do Trega.
Dúas propostas
Unha das opcións para o escudo apóstase pola cor azur (azul) e por incluír dúas pólas de figueira de ouro (amarelo) dispostas en aspa e acompañadas en xefe de sendas flores de lis da mesma cor. Sobre o todo aparece un báculo da súa cor, co seu veo abacial e ao timbre (na parte superior) figura a coroa real pechada.
A outra alternativa incorpora, a maiores dos anteditos elementos, unhas ondas de prata (branca), como alusión ás augas do Océano Atlántico.
En canto á bandeira, Heráldica propón conformala levando ao pano as mesmas figuras e disposición que no escudo. Así, unha opción levaría o pano de azul e, ao centro, as dúas pólas de figueira dispostas en aspa, acompañadas no alto de sendas lises e resaltadas do báculo co seu veo abacial. Pola súa banda, a segunda opción engadiría a alusión á auga oceánica incorporando tres franxas verticais, ondadas e brancas ao batente.
Aprobación en pleno municipal
A necesidade dun novo escudo vén do ano 2017, cando o Concello se pon en contacto coa Comisión de Heráldica (a entidade encargada de emitir informes, con carácter vinculante, para a adopción de escudos e bandeiras das administracións locais) con vistas a contar cunha bandeira oficial.
Nese momento púxose de manifesto que o escudo actual non contaba co recoñecemento do citado organismo, situación que levou ao Concello a solicitar unha proposta ao respecto.
Así, a Comisión realizou o correspondente informe no que, tras realizar un profundo estudo da historia e cultura local, se trasladan as anteditas propostas.
É importante saber a opinión dos veciños e veciñas, por iso se fará unha enquisa. A ENQUISA SE APRAZA ata despois das eleccións municipais, previstas neste ano, previo trámite correspondente do procedemento que marca a lexislación.
Neste senso, se correxiu o boletín informativo de marzo e abril, dispoñible na páxina web, na sección NOVAS.