OIA, UNHA HISTORIA ESTREITAMENTE VINCULADA AO SEU MOSTEIRO

Oia é un pequeno municipio da costa sur de Galicia, na provincia de Pontevedra, que atesoura numerosas pegadas do pasado. A súa singular localización, enmarcada polos montes da Serra da Groba e una rochosa franxa litoral por onde transcorre a Costa dos Castros, ten sido decisiva en moitos momentos da súa rica historia: desde a antigüidade e ata o pasado máis recente.

O amplo catálogo arqueolóxico deste enclave privilexiado confirma o paso e asentamento de comunidades humanas desde tempos prehistóricos. Mostra de elo son, entre outros vestixios, a gran cantidade de ferramentas líticas que, pendentes dunha datación precisa, aparecen tanto en xacementos do interior como nas terrazas costeiras.

Na paisaxe oiense, os restos prehistóricos máis evidentes corresponden ás mámoas, os enterramentos tumulares nas planicies da zona alta da Serra da Groba, cos seus mellores exemplos nas parroquias de Burgueira e Loureza. Numerosos son os paneis de gravados rupestres por todo o seu territorio e, entre eles, destacan os do río Vilar (Perdornes), onde se atopan as únicas embarcacións claramente definidas dos petróglifos galaicos con características que apuntan a unha orixe mediterránea.

Outros importantes fitos na paisaxe son a ducia de alturas castrexas próximas á costa, algunhas delas moi facilmente identificables, como é o caso dos castros de Chavella (Santa María de Oia), Cano dos Mouros (Viladesuso) e sobre todo o da Cabeciña (Mougás).

Oia tamén foi un lugar habitado en época romana, da que se conservan restos de salinas en Mougás e Viladesuso, ademáis dos vestixios dunha explotación mineira en Burgueira. Tamén falan desta época pezas arqueolóxicas como a coñecida pía sacrifical aparecida en Mougás e a ara de Viladesuso.

A vitalidade comercial nesta época teceu de xeito definitivo a rede viaria, a cal foi aproveitada e mellorada tempo despois polo Mosteiro. De época medieval, aínda que con escasos restos, quedan os enclaves de antigas fortalezas como Os Castelos e o Alto da Pedrada en Burgueira.

Pero sen dúbida será a puxanza monástica a que dará a este territorio o seu máis extraordinario monumento: o Mosteiro de Santa María de Oia. A través da historia do propio cenobio é posible coñecer a orixe e evolución do municipio ao longo dos séculos.

O MOSTEIRO, ELEMENTO VERTEBRADOR DE OIA

A historia do Mosteiro de Santa María de Oia é un relato ben documentado que narra numerosos privilexios reais, ataques piratas, saqueos e expulsións; pero que tamén fala de épocas de esplendor, duros traballos, heroicas accións de defensa e un gran desenvolvemento social no lugar.

A primeira referencia escrita da existencia de Oia aparece no ano 1137. Trátase dun privilexio do monarca Afonso VII, quen doa ao primitivo Monasterio de Oya e ao seu abade don Pedro a metade das igrexas de Erizana (a actual Baiona) e A Guarda, así como todas as de Mougás, Pedornes, Burgueira, Loureza e O Rosal.

Nun intento de contextualizar este momento histórico podemos afirmar que no entorno existían tres comunidades: a de Oya, dirixida polo abade don Pedro Laiciense (ou Iniciense, segundo algúns autores), a de San Cosme e San Damián, co seu prior don Paio, e a do Mosteiro de San Mamede de Loureza, cuxos relixiosos vestían hábito negro.

Estas tres comunidades, que seguían a Regra de San Bieito, reuníanse os días de festa en Oia para “reconciliarse e conferenciar das virtudes e aproveitamento na vida espiritual”, fusionándose nunha soa de monxes beneditinos baixo a autoridade de don Pedro. Anexionados definitivamente á fundación que tomou o nome de Oya, abrazaron a Orde do Císter no ano 1185, recibindo así o hábito e a cugula branca.

As peculiaridades relixiosas, sociais e económicas da Galicia dos séculos X a XII favoreceron que arredor do Mosteiro e a igrexa monacal fose creándose un pequeno núcleo de poboación, o cal crecería ata converterse na futura vila. Nese momento, dependían do cenobio as igrexas de San Mamede de Loureza, Santa Uxía de Mougás, San Mamede de Pedornes, San Pedro de Burgueira, O Rosal, Santa María de Baredo, as de Erizana e a Illa de San Martiño (a situada máis ao sur do arquipélago das Illas Cíes).

Os monxes facían honra á locución latina ora et labora (rezar e traballar). A comunidade desempeñaba unha intensa actividade relixiosa e pastoral e, ademais, tivo gran importancia no desenvolvemento da acción social pois eles traballaban e ensinaban a traballar. Froito desa labor, neses anos déixase constancia do que probablemente sexa a orixe da tradición dos curros, que ten que ver coa cría de cabalos salvaxes nos montes.

Os frecuentes ataques de piratas nas costas galegas e a adaptación á Orde do Císter motivaron a construción do novo mosteiro e da igrexa, máis próximos á costa e concibidos como fortaleza, terminados sobre a primeira metado do século XIII.

Coa nova mansión monacal e a nova igrexa aumentou o número de monxes, acrecentándose a importancia e prosperidade do cenobio. A relevancia deste centro relixioso foi crecendo ata o punto de que o seu dominio se iría estendendo ao longo dos anos ata acadar Lisboa (Portugal); confirmándose ademais os privilexios reais outorgados en épocas anteriores.

Porén, este crecemento do mosteiro así como a influencia, poder e riquezas que foi acumulando, trouxo consigo as primeiras manifestacións de abusos de señores feudais contra os monxes e os seus vasalos. Estas tensións iríanse acrecentando ata que, a finais do século XV, durante a guerra entre España e Portugal, o coñecido Pedro Madruga (colaborador do rei portugués Afonso V) tomou o Mosteiro, queimou as súas portas e o saqueou.

Esta situación non durou demasiados anos, xa que existe constancia de que 1480 foi o ano da liberdade e retorno dos monxes. A partir de aí, estes pasaron anos moi difíciles, sen recursos e co complexo monacal en mal estado, véndose abocados a incorporarse á Congregación Cisterciense de Castela. Así, pasarán a beneficiarse da reforma, podendo emprender importantes obras de reconstrución e ampliación.

A DEFENSA DA COSTA

Desde o inicio da actividade do mosteiro hai evidencias da existencia de armas e artillería de defensa no propio cenobio e nos arredores. Os monxes tiñan a obriga de protexer toda a súa costa, existía tropa regrada e os vasalos e veciños tiñan que facer garda desde puntos estratéxicos como o Arrabal, o porto de Brandariz e o río de Oxos. Así e todo, ata unha Real Provisión do ano 1580 non aparece documentada a existencia da compañía de soldados, dando a coñecer aos relixiosos como “monxes artilleiros”.

A máis célebre actuacións destes monxes foi o día 14 de marzo de 1624, cando grazas á certeira puntería do monxe Anselmo, conseguiron afundir dous barcos de corsarios turcos e facer que fuxiran outros tres. Repetiron a xesta un mes máis tarde, cando axudaron a dúas naves portuguesas e unha francesa que buscaban refuxio ao estar perseguidas por 5 embarcacións turcas. Estes feitos de armas foron transcendentais para que o rei Felipe IV concedese á igrexa monacal o título de Santa María la Real de Oya, confirmando o xa existente de Imperial y Real Monasterio.

A DESAMORTIZACIÓN: FIN DA VIDA MONACAL

Nos anos seguintes, o Mosteiro seguiu sendo indispensable para a defensa da zona. Non obstante, e aínda que a artillería foi aumentada, o lugar sufriu os efectos da invasión francesa (principios do século XIX), o trienio constitucional (1829-1823) e por último a exclaustración e Desamortización de Mendizábal (1835), a cal puxo fin á vida cisterciense no conxunto arquitectónico.

Poucos anos despois, en 1838, Oia sepárase da parroquia matriz de Pedornes, á que viña pertencendo, e o templo monacal convértese en igrexa parroquial.

Tras esta turbulenta etapa, o mosteiro e os seus bens pasaron de man en man pero non sen problemas. Os primeiros compradores sufriron o intento de prenderlle lume por un litixio cos antigos foreiros.

SIGLO XX

Xa nos anos 20 do século pasado unha comunidade de xesuítas portugueses alugou o edificio ao seu propietario para establecer un colexio, iniciando unha labor de restauración e acondicionamento do conxunto. Estes relixiosos permaneceron alí ata o ano 1932, cando foron expulsados de España e os gobernos da República nacionalizaron todos os seus ben. O Mosteiro de Oia foi tamén incautado (creuse que era propiedade dos xesuítas que realmente residían nel en réxime de alugueiro) e o alcalde quedou encargado da súa administración.

O Mosteiro sufriu importantes estragos durante eses anos xa que, ao parecer, algúns veciños empregaron pezas e materiais do conxunto arquitectónico para a construción de casas particulares. Recentemente localizouse a única lápida coñecida dun abade de Oia, do século XIII, reempregada como lintel dunha porta nunha construción do barrio histórico do Arrabal, núcleo de poboación nacido precisamente ao abeiro do Mosteiro.

Durante os anos da Guerra Civil, o Mosteiro funcionou como cárcere, onde estiveron detidos principalmente prisioneiros cataláns, quedando testemuñas gráficas escritas nos muros da capela que a Compañía Xesuíta tiña construído.

Unha vez pasada esta etapa, co Mosteiro nunha situación lamentable e recuperada a propiedade polos herdeiros do seu antigo dono, foi pasando po varios propietarios privados, ata chegar aos actuais.

OIA NA ACTUALIDADE

Na actualidade, o municipio de Oia conta cunha poboación de aproximadamente 3.000 habitantes e una extensión de 83,3km², con 18 km de costa. En canto á súa economía, a maioría das empresas locais dedícase ao sector servizos (hostalería), seguidas das dedicadas á agricultura e pesca e á construción.

Fontes:

  • Sá Bravo, Hipólito de (1972). El Monacato en Galicia, Tomo II. A Coruña: Librigal.
  • Alonso, Eliseo (1980). Bajo Miño y costa sur. La Guardia.
  • Troncoso Alonso, Ángel L. (1994). Santa María de Oia Real e Imperial.
  • Manso Porto, Carmen (2002). El Monasterio de Santa María la Real de Oia. Estudio Histórico Artístico. Santiago de Compostela: Cuaderno de Estudios Galegos, Tomo XLIX, Fascículo 115.
  • Costas Goberna, Fernando J. (2011). Los barcos de los petroglifos de Oia. Vigo.
  • Leite Rodrigues, Ana Paula (2013). El hallazgo de una lápida abacial del Monasterio de Santa María de Oia. Vigo: Boletín Instituto Estudios Vigueses. Número 18.
  • Costas Goberna, Fernando J. (2017). La explotación de la sal en la antigüedad. Vigo: Boletín Instituto Estudios Vigueses, Número 22.
  • Asociación Costa dos Castros. http://costadoscastros.com.
  • Instituto Galego de Estatística (IGE)

Pin It on Pinterest