Loureza ofrece unha tarde de teatro e audiovisual este venres nas escoliñas

Loureza acollerá este venres unha completa tarde cultural coa representación da peza teatral Libremente nós, creada polo obradoiro de teatro da asociación Mulleres Rurais de Oia, e coa proxección do audiovisual Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran…), que recolle diversas testemuñas da veciñanza. Ambas as dúas actividades desenvolveranse nos locais das antigas escoliñas de Loureza a partir das 20.00 horas.

A sesión abrirase coa posta en escena de Libremente nós, resultado do obradoiro impartido por Alfredo Rodríguez (A Artística) no marco do programa Provincia Activa da Deputación de Pontevedra. Nel, o alumnado presentará unha reflexión sobre as vidas das mulleres do rural construída a partir de poemas de Lupe Gómez e Celso Emilio Ferreiro.

A partir das 20.30 horas, continuará a programación coa proxección de Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran…), un proxecto financiado polo Concello de Oia e a Xunta de Galicia e levado a cabo polos profesionais do audiovisual Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez que busca rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva do municipio. A través de entrevistas e relatos compartidos, a peza convida a achegarse ao territorio e á súa xente cunha mirada renovada e chea de sensibilidade. O audiovisual estreouse o mes pasado durante a Semana Cultural de Pedornes, gozando dunha grande e emotiva acollida entre o público. Co novo pase programado para este venres en Loureza, o proxecto comeza unha ronda de proxeccións polas diferentes parroquias do municipio.

Pin It on Pinterest

Share This