Luis López entrega os trofeos do campionato inaugural do campo de fútbol das Tornas

O presidente provincial comprobou o remate dunhas obras financiadas case na súa totalidade polo organismo provincial que serviron para remodelar a bancada e substituír o céspede artificial para dotar á veciñanza do municipio dunha instalación renovada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou este sábado os trofeos aos equipos gañadores do campionato celebrado no campo de fútbol das Tornas, en Oia, co motivo da reapertura desta instalación municipal despois da reforma da bancada e a substitución do céspede artificial, para o que o organismo provincial destinou máis de 300.000 euros. Para o goberno provincial, a mellora dos equipamentos deportivos e fomento do deporte é unha aposta estratéxica, como demostran iniciativa como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

O proxecto de mellora desta infraestrutura incluía dúas actuacións. Por un lado, levouse a cabo unha remodelación completa da bancada, na que se asegurou a estrutura, se cambiou a cuberta e se mellorou a imaxe coa instalación de novas butacas. Para esta intervención a Deputación achegou 48.400 euros que serviron para financiar a práctica totalidade da reforma. Por outro lado, no terreo de xogo procedeuse a renovación do céspede artificial coa instalación dun novo firme de última xeración e co selo de garantía da FIFA. Unha obra que supuxo un investimento por parte da Deputación de 236.350 euros, o 90 % do total, que completou o Concello cunha aportación de 22.400 euros. Ambos os investimentos realizáronse con cargo ao Plan Concellos da anualidade 2022-2023.

Despois de dar os parabéns á alcaldesa Cristina Correa polo seu “compromiso”, Luis López recoñeceu que “poucas situacións mellores que esta se me ocorren para celebrar que somos a provincia do deporte”. O titular do goberno provincial argumentou que “con este campionato demostramos que aquí practicamos deporte, desfrutamos do deporte e amamos o deporte” e, ademais, “a organización desta competición é o motivo perfecto para estrear estas renovadas instalacións que nos afianzan aínda máis como a provincia coas mellores áreas para facer deporte”.

Pin It on Pinterest

Share This