Máis de 150 rapaces e rapazas de toda España visitan Oia coa Ruta Quetzal

Un total de 156 rapaces e rapazas de diferentes puntos de España visitaron esta semana o concello de Oia, que foi unha das paradas da edición da Ruta Quetzal deste ano. Baixo o título “Expedición Traslatio”, esta experiencia cultural percorre terras portuguesas e galegas con destino a Santiago de Compostela.

A iniciativa, dirixida por Íñigo de la Quadra-Salcedo (fillo do reporteiro, promotor cultural e deportista Miguel de la Quadra-Salcedo, fundador desta prestixiosa ruta), recalou en terras oienses o pasado mércores, procedente de A Guarda. Durante a súa estadía no municipio, os expedicionarios e expedicionarias percorreron parte do barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, enclaves de gran valor patrimonial onde puideron descubrir os principais fitos da historia local.

O grupo, composto por 156 mozas e mozos e máis os seus monitores, baixo a dirección de Íñigo de la Quadra-Salcedo; foi recibido polo concelleiro de Medio Ambiente de Oia, José Manuel Rodríguez. En nome da alcaldesa, Cristina Correa, o edil deulles a benvida e desexoulles unha grata experiencia, confesándolle aos rapaces e rapazas o orgullo que supón para o municipio telos de visita. Xunto a el estivo o director do Mosteiro, Xoán Martínez, quen tamén brindou unha calorosa benvida a todos os participantes.

O grupo, que percorre diversas localidades galegas e portuguesas na súa “Expedición Traslatio” realizou unha visita ao Mosteiro e á Praza Centinela, pernoctando nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García, cedidas polo Concello para albergalos durante a súa estancia.

Pola súa banda, a Ruta Quetzal, da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo, fixo entrega ao Concello dunha placa conmemorativa da visita.

Pin It on Pinterest

Share This