Máis de 3.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia este verán

Un total de 3.148 persoas foron atendidas pola oficina de turismo de Oia durante a campaña de verán desde ano 2025, que se desenvolveu desde finais de xuño ata mediados de setembro. Na tempada destacou especialmente a demanda do servizo por parte de peregrinos, os cales supuxeron un total de 2.171 visitantes, mentres que os turistas foron un total de 965. Tamén se rexistraron un total de 12 persoas usuarias locais.

Con estes datos, que confirman as tendencias dos últimos veráns, Oia reafirma a súa posición como punto de referencia no Camiño Portugués da Costa. Destaca especialmente o perfil internacional das persoas que empregaron o servizo de información turística, das cales 1.716 procedían doutros países.

Segundo o lugar de orixe das persoas usuarias da oficina, dentro do turismo nacional destacan Madrid (328 persoas), a propia Galicia (300 persoas), Andalucía (162 persoas) e Cataluña (118 persoas). En canto ao turismo estranxeiro, os principais países emisores son Estados Unidos (237 persoas), Italia (190 persoas) e Portugal (181 persoas).

O Concello recibiu unha subvención da Deputación para o financiamento dos custos da prestación de servizos de información e atención ao público en oficinas de turismo adheridas á rede de oficinas de turismo Info Rías Baixas.

Pin It on Pinterest

Share This