Máis de 3.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia neste verán
Unha cuarta parte dos visitantes recibidos nestas dependencias foron peregrinos | O Concello ten xa en marcha os traballos de sinalización dunha nova ruta de sendeirismo na Valga
Un total de 3.348 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia nesta tempada de verán, na que dúas técnicas de turismo contratadas polo Concello prestaron servizos de información entre o 4 de xullo e o 23 de setembro.
Das anteditas 3.348 persoas, 2.492 foron turistas e 856 peregrinos, segundo indican os datos recompilados polo persoal da oficina durante o periodo de apertura do servizo. Destas cifras destaca a proporción de peregrinos respecto do total de visitantes rexistrados: as persoas que fan o Camiño Portugués da Costa supuxeron aproximadamente a cuarta parte das visitas recibidas na oficina (concretamente o 25,56%).
No que atinxe aos datos relativos aos principais lugares de procedencia, tivo especial peso o visitante nacional e o turismo interno. Así, do total de viaxeiros que pasaron pola oficina de turismo de Oia, 944 foron procedentes de Madrid e 821 doutros puntos de Galicia. Outras importantes zonas emisoras foron Castela León (271 visitantes), Andalucía (175) e Euskadi (174).
No que respecta ao turismo internacional, foi o veciño Portugal (con 164 persoas) o principal lugar de procedencia. A bastante distancia seguíronlle outros países europeos como Alemaña (67), Italia (63) e Francia (56).
O servizo de información turística foi prestado por dúas técnicas contratadas polo Concello de Oia, se ben para a contratación unha delas contouse coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Concretamente, a institución provincial concedeu 3.752,11 euros para o pago de salarios e seguridade social dunha das traballadoras a través da orde “financiamento dos custos de dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á rede de oficinas de turismo Info Rías Baixas”.
Verán marcado pola covid
As cifras deste verán enmárcanse no contexto de caídas no número de pernoctas que está a rexistrar o turismo a nivel galego e estatal, debido á incidencia da pandemia de covid-19. Tendo en conta esta situación, o total de 3.348 persoas rexistrado este ano supón un 52% visitantes menos respecto ao verán anterior e coloca á Oficina de Turismo de Oia en cifras similares ás da tempada estival de 2017.
A alcaldesa, Cristina Correa, fixo unha valoración positiva atendendo as circunstancias deste ano, e que ao seu xuízo, “nos confirman que, neste verán tan complicado, Oia foi unha boa opción para as persoas que buscaban lugares onde gozar da natureza e o lecer ao aire libre”.
Nese sentido, recorda que no presente ano 2020 o Concello de Oia leva desenvolvido diversas actuacións para promover o turismo de actividades ao aire libre, tan demandado neste novo contexto. A adecuación da contorna da capela de San Sebastián -entrada do Arrabal e situada no Camiño Portugués da Costa- e a sinalización dun novo itinerario de sendeirismo, a Ruta do Mosteiro, son algunhas desas iniciativas.
Finalmente, avanzou que o Concello ten xa en marcha os traballos de sinalización dunha nova ruta na Valga, a cal, a súa vez, se desdobrará en tres pequenos itinerarios independentes. Deste xeito, as persoas usuarias poderán escoller entre a opción de facer unha única ruta longa ou algunha das tres pequenas.