Medio Rural e o Concello de Oia reforzan a súa colaboración en materia de prevención de incendios

A conselleira María José Gómez reuniuse no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa da localidade, Cristina Correa, nunha xuntanza na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse esta tarde  coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa. Na xuntanza avaliouse o reforzo da colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de prevención e defensa fronte os incendios forestais, entre outros temas de interese para a veciñanza desta localidade pontevedresa.

Así, púxose en valor que Oia conta cun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado e en vigor xa dende o ano 2022. Este documento foi elaborado en colaboración coa Consellería, no marco do convenio entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

En materia de infraestruturas rurais, dende o ano 2019 o concello de Oia beneficiouse dunha achega total da Consellería do Medio Rural por importe de algo máis de 230.000 euros para o arranxo e mellora de diversos camiños. Os últimos investimentos, dentro do Plan de infraestruturas rurais de 2023, corresponden aos camiños  do Tallo e Canido.

Pin It on Pinterest

Share This