Nova oportunidade para asistir aos curros de Oia, este domingo en Mougás

Como vén sendo tradicional, o segundo domingo do mes de xuño celebrarase o curro de Mougás, que na edición deste ano prevé reunir un total de 400 bestas e arredor dun centenar de poldros. Despois das rapas da Valga e Torroña, esta é a terceira e última cita de primavera no concello de Oia.

A partir das 9.00 horas deste domingo comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Mougás, a onde chegarán sobre as 12.00. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

A xornada, gratuíta para o público asistente, transcorrerá no seu tradicional ambiente festivo, tal e como vén sendo habitual todos os anos.

Despois dos curros da Valga (14 de maio), Torroña (4 de xuño) e Mougás (11 de xuño), as citas cabalares volverán a Oia no verán, cos coñecidos como “curros das moscas”.

En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.

Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.

Pin It on Pinterest

Share This