ADIADO – O 6×6 chega este domingo a Oia cunha xornada festiva arredor do teatro, a danza, a música e o canto
ADIADO ata novo aviso
A iniciativa 6×6 Punto de Encontro chega este domingo coas súas innovadoras propostas arredor da arte e a cultura. Teatro, danza, música e canto serán os protagonistas dunha xornada festiva que, organizada polo Concello de Oia e baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), contará con actividades para todos os públicos.
Neste 2023, no que o proxecto celebrará a súa quinta edición, a proposta desenvolverase baixo o título “Oia. Onde se pon o sol e nacen as sereas”. Partindo deste fío condutor, elaborado a partir de textos de Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, artéllase unha xornada cultural que terá como prato forte a tradicional representación do obradoiro de teatro veciñal así como diversas actividades complementarias.
A xornada de festa desenvolverase no barrio do Arrabal segundo o seguinte programa:
-A partir das 12.00 horas abrirán os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadores e creadoras locais como Medialúa Coiro, areladefe Xoiería, Carlos San Claudio Cerámica, Carliños Cestería, Luis Álvarez Cantería.
-Ás 17.30 horas, a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro. O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á praza mentres dure esta actividade.
-Ás 20.00 horas dará comezo o espectáculo do grupo de teatro veciñal. O punto de encontro será a mesma Praza Centinela e, desde alí, público e artistas percorrerán a pé o camiño ata o Mosteiro para asistir á representación no interior do recinto.
Xunto co alumnado do taller de teatro, o espectáculo contará coas artistas convidadas Olga Cameselle (danza), Mónica de Nut (canto) e Rubén Pastoriza (música). Así mesmo, participará o alumnado da aula infantil de teatro do Concello de Oia.
-Ao remate, a oferta cultural e de lecer trasladarase de novo ás rúas do Arrabal, coa música dos grupos locais Tra-lo Mosteiro de Oia e A Fiada de Viladesuso.
Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia.
En caso de choiva, os postos de artesanía trasladaranse á oficina de turismo, mentres que a programación da tarde pasará ao IES Mestre Manuel García.