O alumnado de Oia racha estereotipos de xénero coa actividade “Circo en igualdade”
O alumnado do CEIP Mestre Manuel García participou na actividade “Circo en igualdade”, unha iniciativa organizada polo Concello de Oia e desenvolvida por “La Fiesta Escénica” coa que se pretende achegar o mundo do circo á escola cunha perspectiva de igualdade e prevención da violencia de xénero.
O proxecto traballou cos escolares en distintas actividades circenses co obxectivo de romper os estereotipos tradicionais de xénero. Deste xeito, a actividade creou un espazo de formación profesional, inclusión e equidade de oportunidades, fomentando o cuestionamento dos roles convencionais e xerando espazos libres e creativos.
Ao longo de varios días durante o mes de maio, a compañía local “La Fiesta Escénica” desenvolveu varios obradoiros cos nenos e nenas do CEIP Mestre Manuel García de Oia, ensinando a todas e todos distintas artes circenses (malabares, hula-hop, diábolo, aro aéreo, etc.) e, ao mesmo tempo, facéndolles ver que cada unha destas actividades pode ser realizada tanto por nenos como por nenas. Deste xeito, búscase eliminar estereotipos e condutas sexistas.
As actividades foron realizadas no entorno dun xogo teatral, no cal se incidiu en cuestións como o respecto e a tolerancia, a eliminación de condutas sexistas e a necesidade de previr a violencia de xénero, tanto no mundo do circo como na sociedade en xeral.
A actividade “Circo en igualdade” tivo un custo total de 9.680 euros, que foron financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género.