O Concello, a Xunta, e a Confederación Hidrográfica analizan as necesidades dos marxes dos ríos Tamuxe e Broi
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Oia para, en compaña do presidente da Confederación Hidrográfica da cunca Miño-Sil, Francisco Marín, e a alcaldesa da localidade, Cristina Correa, analizar as marxes dos ríos Tamuxe e Broi.
Tamén estiveron na reunión o xefe do Servizo Territorial de Augas de Galicia en Pontevedra, Francisco Alonso, así como o tenente alcalde de Oia, Eugenio Portela.
Deste xeito, as tres administracións, Estado, Xunta e concello, colaborarán na posta en marcha de proxectos que melloren varios puntos de ambos ríos que presentan necesidade de protección e limpeza.
En concreto, os tres responsables políticos comprobaron a situación das beiras do río Tamuxe na parroquia de Loureza, onde será necesaria a posta en marcha dun proxecto para a protección destas marxes así como para a resolución dos problemas de arrastre da praia fluvial desta parroquia. “O obxectivo”, explicou a alcaldesa, “é dar unha solución ao acondicionamento destas beiras e tamén legalizala situación da comunidade de regantes de Loureza”.
“Revisamos diferentes puntos neste río co obxectivo de comprobar cales son as zonas onde se atopan tapóns de arrastre de maleza e árbores que impiden o seu curso normal, e que poden ser motivo de problemática unha vez que cheguen os temporais do inverno”, explicou pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Estes puntos soen ser máis habituais nas inmediacións de pontes e pontóns.
Finalmente, tamén se comprobou o río Broi, onde Augas de Galicia está a traballar para tratar de atallar problemáticas similares ás do río Tamuxe. “En definitiva”, rematou Cores Tourís, “o que pretendemos é garantir que as enchentes non causen graves arrastres e que poidamos protexer as marxes dos ríos”.