O Concello de Oia abre a inscrición para o curso de coidados psicosociais básicos na enfermidade do alzhéimer

O Concello de Oia vén de abrir o prazo de inscrición para un curso gratuíto de coidados psicosociais básicos na enfermidade de alzhéimer. A actividade desenvolverase nos meses de marzo e abril e será impartida por Cruz Vermella do Baixo Miño.

O Concello inclúe esta formación dentro da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A actividade conta cun total de 20 horas de formación teórico-práctica. Impartirase os días 23 e 30 de marzo e 6 e 13 de abril no Centro Cultural de Pedornes, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Este curso pretende achegar os coñecementos básicos sobre os coidados na enfermidade de alzhéimer a nivel social e sanitario, así como dar a coñecer as formas de comunicación que favorecen as relacións coa persoa enferma e a familia. Na actividade formativa tamén se informará sobre as redes sociais de apoio existentes.

As persoas interesadas poden inscribirse no rexistro do Concello de Oia, ou a través da sede electrónica, ata o próximo 21 de marzo (máis información no teléfono 986362125). As prazas son limitadas.

Pin It on Pinterest

Share This